Se xa custa lembralas todas, agora apareceron unhas cantas máis! A DGT actualizou o Regulamento para adaptarse ás novas estradas, vehículos e formas de mobilidade. Para non andar perdido, imos facer un repaso polas máis importantes, explicándoas dun xeito sinxelo e práctico.
Para ir sobre aviso: As señais de perigo

P-20c

P-1e
Algunhas das novas señais avísannos de perigos específicos. A P-1e, por exemplo, adícanos que imos chegar a un tramo con accesos directos á nosa vía, onde os vehículos que se incorporen terán que cedernos o paso. Outra que veremos cada vez máis é a P-20c, que nos sinala un paso para peóns e ciclistas xuntos. Neste caso, recordemos que os ciclistas só poden cruzar montados nas súas bicicletas se o paso é específico para eles; se é de peóns, deben baixarse e pasar camiñando.

P-24a

P-33

P-35
Se circulas por zonas rurais ou boscosas, presta atención á P-24a, que alerta do paso de animais en liberdade, especialmente xabaríns. É un aviso moi serio para reducir a velocidade e ir con máxima precaución. E para condicións meteorolóxicas adversas, a P-33 advírtenos de visibilidade reducida de xeito xenérico (por néboa, choiva ou fume), evitando confusións con outras señais. Finalmente, a P-35 de entrelazado indícanos un tramo entre unha confluencia e unha bifurcación onde os vehículos cambian de carril con frecuencia, cruzando as súas traxectorias. ¡Ata que se acabe o tramo, máis ollo ca nunca!
As que nos din “por aquí non”: Señais de prohibición

R-120

R-118
Entre as prohibicións máis novidosas está a R-118, que mostra un patinete eléctrico dentro do circulo encarnado de prohibición. De forma moi clara, proíbe o acceso a vehículos de mobilidade persoal (VMP). Xa non haberá dúbidas. A outra gran novidade está ligada ás etiquetas medioambientais. A R-120 proíbe o acceso a vehículos en función do seu distintivo ambiental.

R-2
Para saber cales poden pasar, haberá que mirar o panel complementario, que indicará as etiquetas permitidas. É a chave para circular polas Zonas de Baixas Emisións.
E, por suposto, a clásica R-2 de “Stop” ou detención obrigatoria segue igual de vixente, recordándonos a obriga de deternos completamente antes de ceder o paso.
Para orientarse e saber onde estamos: Señais de información

S-1c

S-14f
Hai novas señais deseñadas para facernos a vida máis doada ao volante. A S-1c anuncia o comezo dunha estrada 2+1, unha vía de tres carrís onde o central se usa de xeito alternativo para adiantamentos en ambos sentidos, mellorando a seguridade en estradas convencionais.
A S-14 en todas as súas variantes indica a localización dun paso inferior ou superior para peóns, especificando se ten rampa, raíl ou incluso unha rampa especial para bicicletas.

S-47

S-51b
Un concepto importante é o da S-47, Zona de coexistencia. Esta sinal marca un espazo onde os peóns son a prioridade absoluta. Nela, os vehículos circulan a un máximo de 20 km/h, os peóns poden usar toda a zona, e as bicicletas e VMP poden circular en ambos sentidos. Os vehículos só poden aparcar nos lugares sinalizados e non están permitidos os xogos ou deportes.
Tamén veremos a S-51b, que reserva un carril para vehículos con alta ocupación (VAO), indicando no pictograma o número mínimo de ocupantes requerido.

S-63b

S-70

S-105f
Para facilitar a mobilidade en estradas complexas, sinais como a S-63b detallan como será unha bifurcación en calzadas de tres carrís, mentres que a S-70 e as súas irmás nos avisan dunha confluencia de carrís (que se xuntan) polo lado esquerdo ou dereito.
E para os condutores de vehículos alternativos, a S-105 mostra a situación de estacións de servizo, incluíndo as de GLP (S-105c) e as de recarga eléctrica (S-105e).
As que nos “vixían”: Señais sobre control
Este grupo de señais avísannos de que hai sistemas vixiando o cumprimento das normas. A S-892 é unha placa que se coloca baixo outras señais (como un límite de velocidade) para indicar que hai vixilancia por medios automáticos, é dicir, radares ou cámaras.

S-991g

S-940

S-892
Aínda máis modernas son a S-991g, que avisa dun posible control de velocidade mediante medios aéreos (helicóptero ou dron), e a S-940, un panel informativo que resume os límites de velocidade xenéricos en España según o tipo de vía.

S-992b

S-992e
Para rematar, as señais S-992 e S-992e son un recordatorio visual moi práctico da distancia mínima de seguridade. A primeira indícanos, en tramos con risco de colisións por alcance, cantas marcas viarias (galóns) debemos deixar co vehículo precedente. A segunda, útil en tramos con néboa frecuente, indícanos o número de balizas luminosas que debemos ver entre o noso coche e o de diante para levar unha distancia segura.
Coñecer estas novas señais é esencial para todos: condutores, ciclistas e peóns. Non se trata só de evitar sancións, senón de formar parte dunha convivencia máis segura, ordenada e respectuosa nas nosas estradas. A estrada é de todos, e entre todos conseguimos que sexa un mellor lugar.
*Podes consultar sempre a web oficial da DGT para resolver calquera dúbida e estar ao día de todos os cambios.